Wednesday 15 de May de 2024

O BNG reclama solucións para o médico de Corrubedo tras 6 meses de protestas


Tras seis meses de mobilizacións, a veciñanza de Corrubedo segue a se manifestar para reclamar melloras sanitarias no seu centro de saúde atopando unicamente o desdén do goberno local de Ribeira e a negativa a mellorar o servizo do conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña.

Desde o BNG seguen mantendo o seu apoio incodicional á veciñanza de Corrubedo. Este xoves os concelleiros do BNG Luís Pérez e Cruz Rivadulla volveron instar ao goberno local a poñerse do lado da veciñanza para resolver o colapso e a precarización do sistema público de saúde en Corrubedo pero tamén en Ribeira.

No BNG poñen o foco na “cesión” do Goberno do PP ás demandas da patronal, “consolidando a folla de ruta de facilitarlle profesionais á sanidade privada equiparando profesionais que apostan pola sanidade pública, dedicándose en exclusiva á mesma, cos que o fan tamén na sanidade privada”, en referencia ao complemento salarial ás e os profesionais que, ademais de na privada, traballen na pública, e viceversa.

O portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, comprometeuse a seguir traballando e apoiando a veciñanza “até que se solucionen os problemas na Sanidade pública” e defendeu o plan proposto polo BNG para dotar os centros de saúde de novas especialidades, como psicoloxía clínica odontoloxía ou fisioterapia e investimentos comezando por un plan de choque de 200 millóns de euros.

Os nacionalistas esixen solucións inmediatas fronte esta ausencia de avances en favor dunha sanidade pública que garanta a saúde e a vida dos galegos e galegas, Barral demandoulle á Consellería de Sanidade “rectificar, deixando de tomar medidas que afondan na mercantilización da sanidade e escoiten á poboación e aos profesionais que demandan mellores condicións laborais no Sergas e un aumento dos recursos para garantir unha correcta calidade asistencial aos doentes no sistema público de saúde”.